Alimentos lácteos S.L.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2013.- Alimentos Lácteos, SL foi un proxecto inviábel dende a súa constitución a finais de 2010. “Un estudo obxectivo vería que aquel era un plan inviábel, con problemas de financiamento sen resolver”, denuncia o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Antón Sánchez, “no que se desbaldiron cartos públicos co único obxectivo de favorecer amiguetes e con criterios partidistas a prol do PP”. Ante este panorama, AGE insiste, a través de Sánchez, en esixir responsabilidades políticas á Xunta por unha operación desastrosa que deitou no lixo nove millóns de euros de todas e todos os galegos. A compañía presentará estes días o seu plan de viabilidade ao Executivo.

Non só iso. A irresponsábel actitude da Consellaría de Medio Rural, que afastou a Feiraco do proxecto unicamente por motivos partidistas, pon en perigo a viabilidade de ducias de cooperativas que agrupan a máis de mil gandeiros e os 75 postos de traballo da planta de Outeiro de Rei. Os 15 millóns de perdas que Alimentos Lácteos acumula, e as débedas millonarias cos gandeiros aos que se estafou, son apenas outra proba da desfeita impulsada polo Goberno de Núñez Feijóo ao que Sánchez reclama, de xeito inmediato, responsabilidades.

 

Relacionados