Alimentos lácteos SL

AGE solicita o esclarecemento das actuacións pasadas e lembra que a Xunta de Galicia apoiou o proxecto con case 9 millóns de euros.

O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda esixe que o goberno da Xunta de Galicia tome determinacións urxentes perante a situación de Alimentos Lácteos SA.

O proxecto, apoiado pola Xunta de Galicia con axudas económicas de ate 8,8 millóns de euros, tivo dende o principio unha falta de criterio e planificación evidentes, que se demostran coa actual situación, cunha empresa que ten perdas de 4 millóns de euros no ano 2011, e débedas con centos de gandeiros e gandeiras que non cobran dende hai meses.

Como consecuencia destes factores, os gandeiros apenas entregan leite e a fábrica de Outeiro de Rei está practicamente parada. De feito nos últimos dous días entraron 50.000 litros de leite cando ten capacidade para procesar ate 900.000 litros.

Debido aos case 9 millóns de euros de diñeiro público invertido, debido á situación dos 75 traballadores, debido á dificil tesitura dos gandeiros que están sen cobrar e nunha situación económica moi delicada e debido a que con cartos públicos se facilitou a competencia a prezos baixos, Alternativa Galega de Esquerda esixe accións inmediatas do goberno do señor Nuñez, para a defensa de traballadores da planta e dos gandeiros.

O deputado Antón Sánchez esixe que se esclarezan as actuacións e decisións tomadas pola administración autonómica e que se depuren responsabilidades políticas, diante desta nefasta intervención do goberno da Xunta, apoiando unha actuación que perxudicou a todo o sector.

 

Relacionados