Nos tempos en que os revisionistas afirman que existía un período de Paz, desde mediados da década dos 60, a clase obreira, organizada principalmente desde o Partido Comunista de Galicia e o sindicato Comisións Obreiras, non deixaba de desafiar as rexas estruturas do franquismo para reclamar liberdades e democracia.
O falaz uso do concepto de Paz, que Franco catapultou coa axuda de moitos axentes sociais desde 1964, cando proclamou os propagandísticos XXV Anos de Paz, agochaba en realidade unha violencia pura e dura, tal como demostran as accións do Tribunal de Orde Pública en Galicia, que xulgou a medio millar de persoas entre 1964 e 1976, tal como demostra a nula vontade de diálogo durante as folgas universitarias, que se deron entre xaneiro e marzo de 1968, ou tal como evidencian as consecuencias da violencia franquista nas manifestacións do 10 de marzo de 1972 e a constante fustrigada e persecución que padeceu a sociedade contestataria.
O 10 de marzo de 1972 os compañeiros Amador Rey e Daniel Niebla eran obreiros que defendían os dereitos da clase obreira dos asteleiros públicos de Ferrol. Loitábase por un convenio xusto. A morte foi a resposta da Ditadura franquista que usaba a violencia co fin de esnaquizar calquera postura contraria a doutrina oficial. Ferrol foi un escenario claro de conciencia obreira impregnada de solidariedade de clase.
A violencia coa que se reprimiu a lexítima protesta obreira cimentou de forza a canto acto de reivindicación se organizaba e planificaba, como as folgas de Vigo no propio 1972. Os protagonistas foron os mesmos a clase obreira, o Partido Comunista de Galicia e Comisións Obreiras. Hoxe, cando os revisionistas silencian a nosa importancia, cómpre facer viva a memoria de Daniel e Amador, que non permaneza cincenta nas conmemoracións de cada 10 de marzo, como se fose unha liturxia máis. Non. A memoria debe servir de catapulta de dignidade para alumear as loitas do presente. Somos o que somos grazas a moitos Danieles e Amadores, así como a toda esa loita silenciada das mulleres que se opuxeron á Ditadura.
É por iso que nesta data, no Día da Clase Obreira Galega, facemos un chamamento á participación nos actos e mobilizacións convocadas polos sindicatos co fin de honrar a memoria dos compañeiros asasinados, así como de continuar a loita polos dereitos que, aínda hoxe, nos vemos na obriga de seguir a defender.
Mentres exista a precariedade, mentres se dea o empobrecemento da clase traballadora, mentres exista a vulneración dos dereitos humanos máis esenciais, temos a obriga de manter viva a loita e o compromiso de persoas como Amador e Daniel.
Actos co motivo do 10 de Marzo:
Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, asistirá mañá sábado 10 de marzo aos diferentes actos do Día da Clase Obreira Galega e ao acto de entrega dos Premios 10 de Marzo, unha celebración que o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, en colaboración coa Fundación 10 de Marzo, levan a cabo dende o ano 1992 para homenaxear aquelas persoas de Galicia que destacaron polo seu compromiso na loita polas liberdades e a democracia.
Eva Solla, vicepresidenta do Parlamento de Galicia e coordinadora nacional de Esquerda Unida, acude aos seguintes actos en Ferrol:
Acto: Ofrenda Floral diante do Monumento ao 10 de Marzo. Hora: 11 horas. Lugar: Zona de Recimil.
Acto: Manifestación polo Día da Clase Obreira Galega, con saída do Monumento 10 de Marzo. Hora: 11.30 horas. Lugar: Zona de Recimil.
Acto: Acto de entrega dos Premios 10 de Marzo, de CC.OO. e a Fundación 10 Marzo Hora: 13 horas. Lugar: Centro Cultural Torrente Ballester (Rúa Concepción Arenal, s/n). |