Amianto na fábrica de Lápis

 

As fotografías da prensa deixan en claro que non se realiza de xeito correcto a retirada do fibrocemento pola empresa responsable sen que o Goberno Municipal reaccione. Semella que o seu é santificar o que faga o propietario do inmoble, nunha versión perigosa, en termos de saúde laboral, do laissez faire,laissez passer.

 

Queremos lembrarlle ao Goberno que o artigo 8 do RD 7731997 de 30 de maio,  indica con claridade que equipos de protección individual das vías respiratorias hai que empregar nestes casos e os tempos, pausas e tempos totais de traballo diarios que os traballadores  poden acometer. As imaxes de prensa publicadas hoxe son elocuentes ao respeito da falla de protección específica en relación ao amianto e incluso da falla de seguridade cando un traballador  se atopa nun tellado. Supoñemos que estas situacións deben interesar ao Goberno Municipal, tan interesado el na demolición da Fábrica de Lápis.

 

Esquerda Unida quere denunciar esta situación e demandar  das autoridades municipais  un control efectivo deste procedemento. Esiximos  que a mesma dilixencia que se tivo para conceder licenza de derribo se teña agora  para facer cumprir a legalidade nunha cuestión que ten derivacións e riscos para a saúde pública, en particular para os operarios que traballan na obra.  A nosa organización pregúntase cal está a ser o procedemento de retirada do fibrocemento, porque se cadra non é o axeitado. Demandamos información sobre o plan de traballo para coñecer se a retirada se fai de acordo aos protocolos de actuación en vigor. “Non queremos presas, queremos cautelas e seguridade” demanda Javier Galán. O noso Grupo reclama por último que os restos do fibrocemento sexan retirados de xeito hermético para non se espallar no ar, conforme se recolle na normativa en vigor.

 

Pediamos en xaneiro garantías sobre as medidas adoptadas para a retirada dos elementos de fibrocemento. A contestación a temos hoxe: deixar facer na procura de que se derrube canto antes a Fábrica. Antes que Patrimonio Cultural resolva o recurso de alzada. Pois ben, esa carreira non se pode facer violando a legalidade e poñendo en risco a saúde laboral das persoas.  Esquerda Unida  esíxelle ao concelleiro de urbanismo que se supervise de xeito estrito o procedemento da retirada do fibrocemento. Xa está ben de compracencias co poderoso, sinala a formación política de esquerdas e ecoloxista.

 

Esquerda Unida entende que a Inspección de Traballo  ten que ocuparse destes incumprimentos da normativa nun tema – o do amianto – de tanto risco e dano na nosa comarca. Pedimos unha intervención que faga respectar á legalidade.

 

Preguntámoslle ao Goberno Municipal se ten constancia que a empresa encargada desa retirada conste como homologada  no RERA e está a cumprir a integridade do  preceptuado no RD 396/2006  de 31 de marzo. Queremos que se faga público o estudo que avalía e controla o ambiente no traballo derivado da existencia de amianto. Dese estudo séguese a elaboración dun plan de traballo específico e a implementación dunha  vixiancia continua  sobre o estado de saúde das e dos traballadores encargados de manipular o fibrocemento. Queremos que se fagan públicos estes documentos, que serven para garantir a seguridade dos traballadores da obra. “Non queremos outro caso Sánchez Aguilera” , sinala Yolanda Díaz.

Relacionados