Ampliación Alfonso Molina

Ambos os dous teñen razón, a actuación de uns e de outros está chea de eivas, despropósitos e anuncios propagandísticos, con todo a día de hoxe seguimos sen a necesaria ampliación da arteria principal de entrada na cidade, xa que logo Esquerda Unida convida a PPe PSOE a deixar de discutir quen o fai peor para acadar un pacto entre as catro forzas da corporación que permita á veciñanza unha mellor  utilización de Alfonso Molina. Porque aínda que valoramos positivamente a inminente ampliación e a consideramos moi necesaria, está non resolverá por si soa o problema da mobilidade, porque os problemas de trafico na cidade non pasan pola mera ampliación das infraestructuras senón que é necesario promover a redución de vehículos mediante a promoción do transporte público colectivo a curto e medio prazo e, a longo prazo, a través da concienciación e promoción doutros hábitos de vida ligados a mobilidade.

A realidade ten demostrado en innumerables ocasións que a ampliación das infraestructuras trae consigo o inmediato incremento de vehículos en circulación, como sucede nas grandes urbes americanas, e, xa que logo, incrementa os problemas medio ambientais, de saúde, ou de ruído, asemade de converter a cidade nunha urbe aínda máis dependente do petróleo, precisamente agora que sabemos da certeza do cénit do petróleo e a consecuente crise enerxética.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes aposta porque a ampliación de Alfonso Molina se complemente cun aparcadoiro disuasorio gratuíto á altura do Ofimático conectado con buses lanzadeira. Así evitaríanse a entrada na nosa cidade de gran cantidade de vehículos o que desconxestionaría o tráfico en toda a cidade. Por un lado os promotores non poden nin queren construír vivendas no Ofimáitco porque saben que non terán saída, polo outro Fomento e AUDASA asinan un convenio para incrementar un carril na entrada da Coruña, agora xa temos todas as condicións favorables para apostar polo aparcadoiro disuasorio, polo que o concello debe mover ficha e apostar decididamente pola mobilidade sostible e o transporte público colectivo.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “ao goberno municipal enchese a boca falando de mobilidade sostible, agora temos a oportunidade de evitar a entrada de centos de vehículos na nosa cidade”. César Santiso preguntouse si o goberno local estará a altura das circunstancias ou desaproveitará esta formidable ocasión para mellorar a mobilidade, uns dos aspectos más caóticos da Coruña?

Relacionados