Ampliación en Alfonso Molina

Esquerda Unida valora positivamente a inminente ampliación de Alfonso Molina mais considera que aínda que a actuación é moi necesaria, non resolverá por si soa o problema da mobilidade, porque os problemas de trafico na cidade non pasan pola mera ampliación das infraestructuras senón que é necesario promover a redución de vehículos mediante a promoción do transporte público colectivo a curto e medio prazo e, a longo prazo, a través da concienciación cidadá e a promoción doutros hábitos de vida ligados a mobilidade.

A realidade ten demostrado en innumerables ocasións que a ampliación das infraestructuras trae consigo o inmediato incremento de vehículos en circulación, como sucede nas grandes urbes americanas, e, xa que logo, incrementa os problemas medio ambientais, de saúde, ou de ruído, asemade de converter a cidade nunha urbe aínda máis dependente do petróleo, precisamente agora que sabemos da certeza do cénit do petróleo e a consecuente crise enerxética.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes aposta porque a ampliación de Alfonso Molina se complemente cun aparcadoiro disuasorio gratuíto á altura do Ofimático conectado con buses lanzadeira. Así evitaríanse a entrada na nosa cidade de miles de vehículos o que desconxestionaría o tráfico en toda a cidade. Por un lado os promotores non poden nin queren construír vivendas no Ofimáitco porque saben que non terán saída, polo outro Fomento e AUDASA asinan un convenio para incrementar un carril na entrada da Coruña, agora xa temos todas as condicións favorables para apostar polo aparcadoiro disuasorio, polo que o concello debe mover ficha e apostar decididamente pola mobilidade sostible e o transporte público colectivo.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que agora o goberno municipal non ten escusa para construír un aparcadoiro disuasorio que evite a entrada de centos de vehículos na nosa cidade”.

Relacionados