Ante a gravidade das acusacións e difamacións vertidas sobre EU e sobre compañeiras que participan no proceso electoral de En Marea

Respecto ás diferentes informacións que están saíndo en prensa e que apelan ao desenvolvemento do proceso de votación para as eleccións internas de En Marea, e concretamente no que atinxe ás funcións do Comité electoral de En Marea, dende Esquerda Unida, queremos aclarar as seguintes cuestións:

  1. As informacións que sinalan a unha serie de persoas como afiliadas a Esquerda Unida son falsas. Dende Esquerda Unida, descoñecemos os informes das auditorías e con que criterios se contrataron, quen as levou a cabo e cal é o contido das súas resolucións. Nesta situación de desinformación estamos a presenciar elucubracións malintencionadas vertidas nos medios e lamentamos que as declaracións rematen en acusacións que atacan, difaman e calumnian á nosa organización. Dende a dirección percibimos todo isto con fonda preocupación, polo que apelamos á responsabilidade política de quen difama.
  2. Dende Esquerda Unida denunciamos polo tanto estas acusacións que se están a verter sobre esta organización e sobre compañeiras e compañeiros que están a desenvolver as funcións para as que foron electas no Comité Electoral de En Marea, poñendo en dúbida a súa honorabilidade con acusacións como “acceso, manipulación e copia de datos do censo” polo que actuaremos en consecuencia e esixindo responsabilidades políticas e legais.
  3. Por todo isto, a obstrución continua á que a dirección de En Marea está sometendo ao espazo político de En Marea é unha expresión da derrota política e do lastre que supón para a unidade popular o uso de prácticas máis propias doutras épocas e doutros espazos.

Dende a dirección de Esquerda Unida, queremos trasladar todo o noso apoio e ánimo ás compañeiras e compañeiros que están a traballar por sacar adiante un proceso electoral enturbiado polas actuacións irresponsables e interesadas de quen cre ostentar o “poder”.

Relacionados