Dende Esquerda Unida consideramos que unha vez decretado o estado de alarma pola crise sanitaria do Coronavirus no que se suspende a actividade educativa presencial en todos os centros e niveis de ensino, a Xunta de Galicia debe acatar este Real Decreto e paralizar totalmente a actividade educativa, o que debe incluír a visita aos centros do persoal docente, polo que nos sumamos ás denuncias realizadas dende o profesorado e organizacións sindicais.
Actualmente, segundo a resolución aprobada o 21 de marzo pola Secretaría Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, unha persoa do equipo directivo dos centros escolares (con máis de 6 liñas) debe presentarse diariamente no seu centro de traballo. Esquerda Unida considera que esta medida choca frontalmente coas normas que dicta o RD 463/2020, de 14 de marzo polo que se decretou o estado de alarma.
“A protección da saúde debe ser a prioridade de todo goberno, así se está a indicar dende as diferentes administracións, a limitación de circulación de persoas salvo en situacións determinadas, veñen a respaldar o sentido do confinamento total para a cidadanía co fin de minimizar a cadea de contaxios da pandemia do Coronavirus, estamos a ver que esto non acontece no eido educativo”. Aínda onte agradecía Feijóo na súa comparecencia a labor do profesorado que estaba a traballar dende a casa, pero esquecíase do profesorado que está obrigado a desprazarse diariamente aos centros.
“Baixo esta premisa de protexer a saúde, non entendemos como a Xunta de Galicia non acata o contido do Real Decreto e obriga ao profesorado a desprazarse ao centros de traballo diariamente mentres está suspendida toda actividade lectiva. Este persoal ademais de non dispor de medidas de protección necesarias e mesmo accedendo a instalacións que non están desinfectadas, cos seus desprazamentos poñen en risco a saúde das persoas e lonxe de minimizar contribúen a aumentar a cadea de posibles contaxios do virus.”
Por todo isto, dende Esquerda Unida consideramos perentoria a supresión desta resolución do 21 de marzo de 2020 da Secretaría Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para que a protección da sáude de todas sexa máis efectiva.