Ante as declaracións homófobas

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2013.- O ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, asegurou que os matrimonios entre persoas do mesmo sexo non deben ter a mesma protección dos poderes públicos cos heterosexuais. Fernández Díaz xustificou a súa afirmación homófoba en base a que o matrimonios homosexuais “non garanten a pervivencia da especie”. Para a deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Eva Solla, estas declaracións son “absolutamente desprezábeis” e revelan a axenda oculta, homófoba e reaccionaria, do Goberno do Partido Popular.

AGE, a través da parlamentaria Solla, vén de presentar unha proposición non de lei para esixir á Xunta que poña en funcionamento un plan de saúde dirixido ao colectivo de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais (LGTBI). “As persoas que fan parte destes colectivos”, expón Solla, “teñen unhas necesidades en prevención e promoción de saúde diferentes, nalgúns casos, ás que poden precisar as persoas heterosexuais. A ausencia dunha atención especializada e mesmo a falta de formación dos propios profesionais impídeno”. “Esta circunstancia impide a igualdade real de dereitos”, conclúe.

O texto que Alternativa levará ao Parlamento de Galicia demanda do Sergas que elabore campañas específicas sobre as infeccións de transmisión xenital, a promoción de revisións médicas atendendo ás particularidades de cada grupo da comunidade LGTBI, a formación de xinecólogos, urólogos, enfermeiros, auxiliares de médico e campañas de axuda psicolóxica para previr o maltrato e acoso aos membros do colectivo.

Relacionados