Ante o ocurrido en Tianjin, Esquerda Unida pide explicacións á Xunta sobre o mantemento de Reganosa

O acontecido na cidade chinesa de Tianjin debería alertarnos sobre o que o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (CCE da Ria de Ferrol) vén denunciando dende hai anos: a seria ameaza que a ilegal planta de gas Reganosa supón para a poboación que vive na contorna da Ría de Ferrol.

Precisamente por esta ameaza, Ramón Vázquez, membro da dirección de Esquerda Unida e deputado de AGE levou esta mañá á Comisión a pregunta de se “o Goberno de Núñez Feijóo é consciente da súa temeridade ao apoiar o mantemento dunha instalación ilegal, deficitaria e perigosa no interior da Ría de Ferrol, incluso, apostando por aumentar a súa capacidade de regasificacion”.

Esta instalación alberga un enorme potencial destrutivo e está situada a menos de 200 metros do núcleo urbano de Mehá, a 800 metros do arsenal militar, a 900 metros do núcleo de Mugardos e a carón do complexo petroquímico de Forestal, que almacena preto de 300.000m3 de combustible e produtos químicos. Unha instalación que supera en 85.000 veces a potencia da explosión máis potente acontecida en Tianjin.

“A Xunta de Galicia, socia de Reganosa co 17.5 % das accións, vén promovendo a ampliación das instalacións (duplicar a capacidade de regasificación, e incluso a construción de un terceiro tanque) a pesares de que a demanda do consumo de gas non se prevé que aumente e da escasa produción da planta, dun 28.6% no ultimo ano”, explica Ramón Vázquez. “Ademais, o Goberno da Xunta de Galicia vén promovendo que a Ría de Ferrol se converta no centro de subministro de gas aos buques con este tipo de propulsión, é dicir, ampliar a actividade do uso do gas no interior da ría aumentando os riscos para a poboación que vive na súa contorna, coñecendo a ilegalidade desta actividade por non poder cumprimentar a normativa de navegabilidade e pola ilegalidade dunha instalación que non cumpre coas distancias esixidas e que en sentenza de maio de 2012 o Tribunal Supremo determinou”, sinala.

Como consecuencia das explosións producidas o pasado dia 13 na cidade china de Tianjin, unhas 135 persoas morreron e máis de 580 permanecen ingresadas nos hospitais da zona. A distancia do almacenamento destas substancias perigosas situábase a 500 metros dos núcleos residenciais, incumprindo a lexislación chinesa ao respecto. É por iso que “o acontecido na cidade chinesa debería servir para reflexionar sobre o que pode acontecer no corazón da Ría de Ferrol se non se comezan a tomar medidas ao respecto”, remata Vázquez.

Relacionados