Esquerda Unida non recoñece o resultado dun proceso plagado de irregularidades

Durante o proceso de elección do Consello das Mareas, a ausencia de garantías xurídicas e democráticas e a ausencia tamén de documentación das supostas auditorías que sustentaron as graves acusacións a compañeiras e compañeiros e incluso o cese destas do Comité Electoral, foron feitos que motivaron a non participación desta organización no proceso de votacións que tivo lugar a pasada fin de semana.

Dende Esquerda Unida reafirmámonos nos motivos que trasladamos días antes das votacións ao Consello das Mareas que foron os mesmos que motivaron a non participación neste proceso de votación. A ausencia de garantías xurídicas e democráticas que advertiamos dende a paralización do proceso, o incumplimento dos acordos tomados no plenario do 27 de outubro, a inexistencia dalgún documento que acredite calqueira tipo de informe ou auditoría sobre as medidas de seguridade ás que se fixo referencia,  converte este proceso e o seu resultado en ilexítimos.

Esquerda Unida continúa traballando no espazo dunha confluencia que debe construirse a partir de agora en base á fraternidade, seguimos traballando nas medidas legais que consideremos pertinentes para reestablecer por unha banda, a honorabilidade das compañeiras que foron calumniadas e difamadas nos medios de comunicación sen nigunha proba, e por outra, restablecer  a democracia no proceso de confluencia.

Relacionados