Apagamento alumado Ventorrillo

Esquerda Unida considera inaceptable que en pleno século XXI distintos barrios da cidade queden catro días sen iluminación e que a resposta do concello sexa que até este luns non poden facer nada porque so hai un operario, deixando a escuras a zona do depósito de augas e fronte ao colexio María Barbeito nas rúas Alcalde Salorio Suárez, Alcalde Jaime Hervada, Luis Huici, Pintor Francisco Miguel no Ventorrillo así como outras zonas na zona do Birloque-Estación, onde a rúa Joaquín Plánelles, dende a Milagrosa hasta os cuarteis da policía en Lonzas estaba este domingo tamén sen iluminación.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes rexistrou unha batería de preguntas para coñecer as causas desta lamentable situación e que ferramentas habilitará para evitar que volva a suceder, concretamente:

– É coñecedor o goberno municipal de que algunhas zonas periféricas da cidade estiveron varios días sen alumado público?

– Cales foron os motivos que produciron o apagamento do alumado público en zonas de Ventorillo e Lonzas?

– Cal é a razón que motivou o atraso na resolución deste problema? E en todo caso cales son as ferramentas que habilitará o goberno municipal para que non se produzan estes lamentables tempos de espera na resolución deste tipo de problemas?”

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “semella paradigmático observar como o centro da cidade luce brillante o seu alumado de Nadal mentres os barrios periféricos permanecen a escuras”.

 

 

Relacionados