Tres anos de xuntanzas e comisións altamente custosas para a cidadanía coruñesa sitúanos no punto de partida resolvendo o “pequeno atranco patrimonial” co recubrimento das murallas.
Esquerda Unida considera que o concello coruñés actuou cunha alarmante falta de planificación, xa que logo, antes de empezar esta obra debería ter considerado a posibilidade de atopar restos históricos soterrados, algo moi común na zona como calquera coruñés sabe. Froito de esta falta de planificación xurdiu un problema que leva tres anos sen solucionarse.
O consello comarcal de EU Coruña denuncia que a solución acordada finalmente para o Parrote entre o Concello e o porto, responde a intereses económicos privados en lugar de buscar o beneficio social. A eliminación parcial das murallas do Porrote, patrimonio histórico pertencente a cidadanía coruñesa, pon de manifesto que o Goberno municipal actúa de costas a cidadanía.
Neste senso e en resposta as declaracións do alcalde xogando coas verbas “recrecer” e “recrear”, o responsable de organización e membro do Consello Comarcal da Coruña, César santiso, expresou que “as murallas vanse a cubrir na súa maior totalidade, o alcalde o sabe pero, con todo, pretende despistar con xogos de verbas que supoñen un insulto a intelixencia dos coruñeses e coruñesas”.
Por último, Esquerda Unida quere expresar o seu rexeitamento á creación dunha nova superficie comercial e hostaleira, que de seguro será tomada por as grandes cadeas, o que suporá un duro golpe para o pequeno comercio coruñés, moi castigado por mor da crise, a falta de apoio do Goberno local e a proliferación de grandes centros comerciais apoiados dende o concello.