Xuntanza de EU coa AAVV Domiños

Con esta xuntanza deu comezo unha nova xeira de reunións de traballo co tecido veciñal e asociativo da cidade para coñecer as últimas problemáticas e necesidades dos barrios, parroquias e entidades cara a súa posible incorporación ao programa electoral participado que está a realizar a nosa organización.

 

A reunión abordou as problemáticas pendentes na área de Doniños, facendo fincapé en dúas cuestións da meirande importancia para a parroquia. Dunha banda, a nosa organización propón que se realice, coas maiores garantías de protección ambiental, o aparcadoiro en Punta Penencia, que vai permitir satisfacer unha demanda arrastrada e insatisfeita no tempo.

 

Doutra banda, Yolanda Díaz  insta ao Goberno a desenvolver unha actitude esixente e vixilante para conquerir que as obras de reparación derivadas dos novos accesos ao Porto Exterior se rematen en tempo e de maneira tal que se garanta a axeitada canalización das pluviais, mediante a mellora das existentes e a construción doutras novas. Tales canalización forman parte das reparacións derivadas das obras do acceso vial ao Porto Exterior, aínda pendentes de realización.

 

Xunto  coas canalizacións a desenvolver  na zona media do val de Doniños e na súa parte baixa, a nosa organización demanda a ampliación das gabias ou cunetas do vial ao Porto Exterior. Son actuacións necesarias e que  teñen que executarse de xeito que respondan ás novas condicións derivadas do trazado dos accesos ao Porto Exterior.

 

Esquerda Unida vén pelexando dende 2008 xunto coa veciñanza das zonas afectadas para acadar que Fomento asuma e realice as obras necesarias para evitar ulteriores accidentes, que como o caso dos últimos desprendementos en Doniños poden carrexar graves consecuencias. Esquerda Unida demanda a Fomento e ao Goberno Municipal que cumpran os compromisos coa veciñanza da Zona Rural afectados polas obras.

Relacionados