Aparcadoiros disuasorios

 

O colapso dos accesos a nosa cidade, con colas dende San Pedro de Nos, Bastiagueiro o ata o km. 9 da autoestrada, evidencian a urxente necesidade de aplicar medidas que palíen unha situación que reduce a calidade de vida dos coruñeses e coruñesas,. Xa que logo Esquerda Unida propón a creación de grandes aparcadoiros disuasorios, conectados con buses lanzadeiras. Os ditos aparcadoiros deberían ser públicos e gratuítos, polo que se converterían nunha opción válida e efectiva para os máis de 100.000 vehículos que diariamente entran na nosa cidade.

 

O grupo municipal de EU-V entende que os aparcadoiros nas principais entradas da cidade supoñen a mellor infraestrutura que o goberno municipal pode desenvolver. Non cabe dúbida que a devandita proposta, ademais de evitar o colapso na entrada, permitiría aliviar significativamente o tráfico no interior da cidade, mellorando a mobilidade e conseguintemente a calidade de vida da cidadanía.

 

Este tipo de iniciativas están a funcionar dende fai anos e de maneira moi satisfactoria en cidades como Bilbao onde se evita que miles de coches entren no centro urbano cada día. Polo que EU considera que o único que se necesita e vontade política para levar a cabo unha actuación que traería grandes beneficios para toda a cidadanía ao aforrarlle tempo e custe nos desprazamentos urbanos e ao reducir a contaminación e os ruídos na cidade. Asemade reduciríase a pegada ecolóxica e as emisións de CO2, principal gas causante do efecto invernadoiro e o quecemento global, ao tempo de converter A Coruña nunha cidade menos dependente do petróleo, fonte de enerxía que se está a esgotar.  

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “os coruñeses queremos que se solucionen os problemas de tráfico, non que se agachen soterrándoos. En tempos de crise hai que priorizar o investimento, os aparcadoiros disuasorios son infraestruturas prioritarias e urxentes”.

 

Os aparcadoiros deberían situarse nos catro puntos de acceso a cidade: Alfonso Molina a altura do Ofimático, para dar servizo aos vehículos que entran por autoestrada, As Xuvias ampliando o que está proxectado no hospital materno infantil, na Avda. Arteixo a altura de Marineda City e na III Rolda a altura dos depósitos de Penamoa.

Relacionados