É necesario mudar o sistema actual de distribución, que prima grandes superficies comerciais en mans de moi poucas multinacionais que, ademais, baixo o pretexto da desexada competitividade en prezos, levan a cabo políticas salariais e de horarios laborais gravemente lexivos para a clase traballadora.
Desde o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, que manifestou a súa oposición á construción de novos centros comerciais, ante a inevitable apertura do centro comercial das Cancelas, consideramos que debe ser o último que se faga na cidade, e reclamamos ao equipo de goberno do PP que elabore un plan global en defensa do pequeno comercio local que revitalice aos barrios da cidade.
Queremos facer fincapé tamén nos argumentos falaces esgrimidos para a defensa da apertura deste centro comercial, tal como o baseado no suposto e inxente número de novos postos de traballo que se crearían, sen que se investiguen, en ningún momento, investigar nas condicións laborais dos mesmos.
Consideramos falaz este argumento pois, en moitos casos, simplemente supoñen o traslado de traballadores e traballadoras dun lugar a outro da cidade. Para mostra o traslado dos cines de Área Central ás Cancelas, onde previsiblemente semella que se vai trasladar o persoal de Fontiñas ao novo centro comercial, sen que represente creación de novos postos de traballo; o mesmo ocorre cos traballadores e traballadoras das tendas dunha multinacional textil que pecha as súas portas en Área Central para o seu traslado ás Cancelas.
Tamén é lamentable a argumentación esgrimida sobre a posibilidade de ocio que suporá para os veciños e veciñas este novo centro comercial, cando, pola actitude belixerante do PP contra a cultura, a cidadanía perdeu a opción de lecer formativo que supoñía a Sala Nasa, ou como a inoperancia do PP aínda mantén a día de hoxe pechada a Sala Yago.
Non esquezamos tampouco que este tipo de superficies comerciais, amais de seren perxudiciais para o pequeno comercio e as normas laborais, conlevan un significativo incremento de tráfico privado e, polo tanto, o aumento de contaminación tanto atmosférica como acústica que terá que soportar a veciñanza .
Por todo isto, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esiximos unha transformación total das políticas sobre a forma de entender o comercio na cidade que os distintos gobernos locais levaron a cabo, e propoñemos un novo modelo que priorice dende a Praza de Abastos até o pequeno comercio de barrio, promovendo canles curtas de distribución e beneficiando as redes comerciais de proximidade.