Apio á Folga do ensino

 

Esquerda Unida – Os Verdes apoia a Folga do ensino en contra dos recortes do Goberno central do PP, caracterizados pola masificación das aulas, incrementado un 20% o número de alumnos (de 25 a 33 en primaria e de 30 a 40 en secundaria) e a redución da oferta educativa de bacharelatos nos institutos que so ofertarán unha modalidade o que de facto obrigará ao estudantado con menos recursos a cinguirse a estudar a modalidade que se implante no seu instituto máis próximo sen ter en conta nin o gusto nin a capacitación do alumnado. Asemade suprimirase a introdución dos módulos de 2000 horas de Formación Profesional.

 

Estas medidas, xunto co aumento de horas lectivas do profesorado en detrimento do apoio e atención ao alumnado e o aumento a dúas semanas o tempo necesario para cubrir a baixa dun docente, redundarán nunha redución da calidade do ensino, que xa de por si era deficiente segundo os indicadores europeos.

 

Por outra banda, as medidas do Goberno central procuran a privatización e elitización do ensino universitario, que pretende a exclusión das familias traballadoras mediante unha selección económica consistente en subir as taxas nun 50%.

 

O consello comarcal de Esquerda Unida chama a comunidade educativa a participares na mobilización que partirá ás 12:00 h. da Praza da Palloza cara a delegación da Xunta de Galicia, para deixar ben claro e gritar ben alto que estamos fartos de recortes de dereitos e que rexeitamos de maneira especial os desenvolvidos sobre o ensino público.

 

O coordinador comarcal de EU, César Santiso, indicou que “cando debemos apostar pola excelencia e a calidade para dar o valor engadido que necesita o noso tecido produtivo para ser competitivo, o PP entende que o ensino é un gasto en lugar dun investimento”.

 

Relacionados