Aplicacións para detectar VIH

Desde a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) mostramos o noso máis profundo rexeitamento e indignación fronte ao lanzamento da aplicación móbil “VIHda”, promovida recentemente pola Confederación COLEGAS. O noso rexeitamento non só se atopa motivado polo feito de que a nota de prensa emitida por devandita confederación para promocionar a aplicación asegure que esta “permite ao usuario medir as probabilidades de contaxio de VIH na súa última relación sexual”, cando é dabondo coñecido polas organizacións e comunidades científicas que levan anos traballando no campo do VIH que este non se contaxia senón que se infecta ou se transmite.

Un axente infeccioso-contaxioso é aquel que cumpre parte do seu ciclo vital fóra do corpo humano. É dicir, é capaz de sobrevivir no medio ambiente (aire, auga, alimentos contaminados, terra, etc) ou dentro dun animal que teña infección, durante periodos de tempo prolongados. O VIH non posúe tales características, ao contrario, pois trátase dun axente infeccioso-transmisíbel, dado que cumpre todo o seu ciclo vital dentro do corpo humano e que, por tanto, só pode transmitirse por contacto directo entre o corpo dunha persoa e o doutra a través dun intercambio de fluídos. O uso dese tipo de linguaxe contribúe a perpetuar aínda máis a discriminación cara ás persoas que vivimos co VIH. como así o sinalan estudos realizados e guías de estilo publicadas por CESIDA, ONUSIDA e outras entidades estatais e internacionais.

Doutra banda, por si isto fose pouco, COLEGAS refírese a “VIHda” como unha aplicación que “permite un diagnóstico eficaz e anónimo”. Este tipo de afirmacións xeran confusión na poboación que a miúdo carece de información veraz respecto da saúde sexual e descoñece que nada que non sexa unha proba específica pode ofrecer un diagnóstico eficaz para o VIH. Desde ALEAS-EU consideramos que esta aplicación resta máis que suma ao traballo que moitas outras entidades veñen desenvolvendo na resposta ao VIH/Sida desde fai 30 anos, pois pode inducir á xente a deixar de realizarse probas rápidas de VIH, dificultando así a moi necesaria detección precoz. Cremos pois que, de xeito evidente, esta aplicación non é útil para o fin que se publicita.

Pero o que nos parece máis deleznable é que desde o ‘Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade’ se eliminase o financiamento público de proxectos pioneiros únicos no estado español, referentes a nivel internacional, con resultados sobradamente demostrados e cunha traxectoria intachable, como son os casos do Servizo 900ROSA da Coordinadora LGTB de Catalunya e o Centro MediosySida da REDVIH, entre outros, en prol de subvencionar proxectos de dubidosa evidencia científica e de cuestionable eficiencia e eficacia. Desde ALEAS-EU só podemos entender este feito a través do claro trato de favor e a parcialidade por motivos políticos e ideolóxicos coa que se outorgaron as subvencións públicas do Plan Nacional da SIDA na convocatoria do ano 2012.

Por último, desde ALEAS-EU denunciamos, unha vez máis, os recortes que se están producindo contra a nosa sanidade pública. Estes non só provocan que se deixen de financiar iniciativas realmente útiles na prevención do VIH/Sida, como as anteriormente citadas, senón que tamén dificultan claramente o avance da investigación científica que nos permitiría desenvolver estratexias realmente novas e innovadoras, con evidencia científica que as apoie, que transmitisen información veraz e actualizada, que aplicasen metodoloxías realistas e eficaces, e que xerasen resultados obxectivos e positivos, características que “VIHda”, sen dúbida, non cumpre, polo que non podemos senón esixir a súa inmediata retirada.

Relacionados