Apoio á F.A.V.A.

Mentres o goberno municipal afirma que se reúnen con todas as asociacións veciñais, moitas denuncian o maltrato que reciben por parte do Concello da Coruña e como o goberno local utiliza ás asociacións amigas para ningunear as que non son da súa corda. Así o denunciaron durante este mandato diversas AA.VV tales como Os Rosais, Oza – Gaiteira – Os Castros, Castrillón, Atochas – Monte Alto – A Torre, Os Anxos – Birloque – San Cristobo das Viñas, Barrio das Flores e Plataforma do Ventorrillo, entre outras.

De este xeito, estase forzando a veciñanza a pedir favores para que o Concello resolva problemas dos seus barrios, tecendo así unha rede clientelar, cando este ten a obriga de atender as demandas da cidadanía. O Concello utiliza prácticas propias de réximes pasados como chantaxear coas subvencións, ningunear as asociacións veciñais que non son afines, prohibir o uso de instalacións municipais baixo argumentacións peregrinas ou incluso sabotar e contraprogramar actos dalgunhas asociacións para castigalas. O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera lamentable que o goberno local do PP este a facer oídos xordos ante as reclamacións da FAVA, semella que o que pretenden é presionar ao movemento veciñal para convertelo en lexitimador das súas políticas.

Neste sentido cabe subliñar que a participación cidadá non consiste en que o alcalde se saque fotos con asociacións veciñais, nin que pasee pola cidade rodeado das organizacións amigas, senón que supón a priorización e conxunción de intereses e demandas para procura a solucións das mesmas, asumindo e tomando decisións. Hai que ter en conta que o poder non está localizado nas institucións, aínda que estas constitúen espazos onde se manifesta e exerce, a súa orixe está fora delas. Polo tanto, dar as costas á Federación de Asociacións de veciños da Coruña e Área metropolitana, e con elo a meirande parte do tecido veciñal coruñés, supón un grave desprezo á participación cidadá en xeral e a veciñanza coruñesa en particular.

Por ende, Esquerda Unida considera que a opinión dos veciños debe ser tida en conta e para logralo o regulamento de participación cidadá debe ser aplicado e respectado. Levamos anos denunciando publicamente o absoluto abandono e desprezo do Regulamento de Participación Cidadá por parte dos nosos gobernantes, no que por suposto nin os Distritos nin o Consello Social Coruñés (COSOC) son órganos operativos. Feito susceptible de denuncia que provoca que os coruñeses e coruñesas non dispoñan das ferramentas de participación adecuadas.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a inactividade do goberno municipal ante as reclamacións das asociacións veciñais converte ao area de participación cidadá do concello nun obstáculo para o movemento veciñal na Coruña”.

Relacionados