Apoio á folga de estudantes

Esquerda Unida denuncia que o aumento das taxas, a redución de becas e o endurecemento do seus requisitos provocou a expulsión de 150.000 estudantes universitarios, asemade dun comezo caótico deste novo curso escolar, con máis de 50.000 profesores menos no conxunto do Estado, 1000 en Galiza, sen medios económicos e cun 20% máis de alumnos, situación que está a provocar unha masificación nas aulas, con máis de 40 alumnos.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha moción para apoiar a Folga Estudantil convocada polo Sindicato de Estudantes e para instar ao goberno central a retirar a contrareforma educativa. Esta política, xustificada para saír da crise, só ten un fin: manter os sacrosantos beneficios da gran banca, os grandes empresarios e os poderes económicos de sempre, os chamados eufemisticamente mercados. Así o goberno do PP aplica medidas para satisfacer o ansia de lucro dos capitalistas,  mentres se provoca o empobrecemento xeral da poboación, o despedimento de decenas de miles de traballadores, así como o desmantelamento do ensino e a sanidade pública.

Os recortes económicos e a contrarreforma educativa son as dúas caras dunha mesma agresión contra as conquistas sociais e os dereitos democráticos das familias traballadoras. O PP quere aproveitar a actual conxuntura de crise económica para desmantelar e privatizar o maior número de dereitos e servizos sociais arrincados durante anos de loita e sufrimento. A dereita quere aproveitar este momento para dar todas as facilidades aos que entenden a educación e a sanidade como un substancioso negocio co que poder encher os seus petos a custa da degradación das condicións de vida da maioría da sociedade.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “chamamos a toda a mocidade e ás familias traballadoras así como as súas organizacións a apoiar e secundar esta folga xeral o 16,17 e 18 de outubro. Os ataques contra a educación pública teñen unha forte vertente política que deixa ver con claridade as intencións de fondo da dereita: que a formación que deben recibir os fillos dos traballadores tería que reducirse á xusta e necesaria para lanzalos rapidamente ao mercado laboral cunha mínima cualificación, para así ser man de obra barata á que poder explotar coa maior das facilidades.

 

Relacionados