A ofensiva contra os dereitos laborais, contra a educación e a sanidade públicas e en definitiva contra os dereitos sociais, debe atoparse na rúa coa súa xusta oposición.
Levamos 5 anos de crise económica e recortes, pero nin un só país que aplique esas medidas mellorou a súa situación: aumenta o paro, crece a débeda e estamos nunha segunda onda de recesión económica. Véndennos como a única saída á crise o que é unha estafa que profunda a inxustiza, incrementa o paro e a pobreza, desprotexe aos máis febles e quere converter nun negocio a educación e a saúde.
Presentan medidas contra a crise que son só un intento de rapiña sobre salarios, as conquistas da clase traballadora e os dereitos sociais. Non importan as persoas e os seus dereitos, senón o beneficio dos bancos e as multinacionais.
Os recortes golpean a tódolos sectores populares da sociedade: o copago sanitario, os tesoiretazos en sanidade, servizos sociais, dependencia e educación, e tamén nas pensións: a subida de impostos como o IVE; o rescate da banca transferindo o seu custo ao conxunto da cidadanía; o recorte do salario e despedimentos no sector público e a austeridade reforzada que impón o proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado 2013, teñen un denominador común: non cargan a crise sobre os seus responsables e culpables, senón sobre quen non a provocaron.
Ante esta situación, vimos defendendo que existe a posibilidade doutra política, creadora de emprego e estimuladora da economía, que mellore os servizos sociais e garanta os dereitos do mundo do traballo. Esa política é necesaria para evitar o desastre.
E existen cartos para financiala, está na loita contra a fraude fiscal e a economía mergullada e nunhas medidas fiscais xustas e progresivas. Se hai recursos para salvar á Banca debe haber recursos para crear emprego.
Todas estas son razóns máis que suficientes para a necesidade da Folga Xeral. Por iso, dende Esquerda Unida chamamos aos veciños e ás veciñas á folga e a participar nas mobilizacións.
Así mesmo tamén queremos saudar a iniciativa de conformar unha Asemblea Veciñal en Ponteareas de cara a apoiar a Folga Xeral.
Soamente lograremos un cambio radical na política coa mobilización.