Apoio á folga do ensino

Esquerda Unida fai un chamamento a secundar a Folga Xeral do ensino e a participares nas mobilizacións diante dos ataques sistemáticos que sofre a nosa educación pública, mediante unhas políticas centradas en brutais recortes orzamentarios que superan xa os 5000 millóns de euros, e que teñen como obxectivo encuberto o desmantelamento de servizo público educativo, único garante real do dereito universal á educación en condicións de igualdade.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes xa presentou no pasado pleno do luns unha moción en defensa do ensino público, rexeitando a LOMCE e solicitando a dimisión do ministro Wer que busca con esta contrarreforma reducir o período de ensino obrigatorio. A exclusión dunha parte da sociedade e a reformulación do principio de gratuidade mediante a introdución de fórmulas de re-pago da educación. O propio bacharelato suporía importantes gastos que non toda a cidadanía poderá costear, por non falar dos aumentos, que xa estamos a sofrer, das taxas universitarias ou os desorbitados prezos de másteres e cursos de posgrao.

As reválidas, a elección obrigada de itinerarios segregadores a idades temperás, o control externo do que hai que aprender/ensinar, ou a ausencia de participación democrática na xestión dos centros educativos son, outro ataque sen precedentes á igualdade e á equidade na educación. Queren potenciar tamén centros de diferentes niveis segundo os contextos socioeconómicos, fomentando a especialización e “excelencia” duns en detrimento doutros, en lugar de garantir o dereito universal a unha educación de calidade para todos e todas. Ademais esa especialización estará máis ligada a intereses privados empresariais e dos “mercados” que á formación integral do alumnado.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que ”a LOMCE pretende crear un ensino elistita, excluíndo aos fillos e fillas das familias traballadoras á hora de acceder a determinados niveis e centros educativos coa clara intención de xerar unha sociedade máis inxusta e desigual. Xusto o contrario que denfemdenos en EU, onde apostmos por un modelo de educación pública inclusiva, igualitaria, laica, de calidade, gratuita e democrática”.

 

Relacionados