Apoio á folga do ensino 24-O

Ferrol será novo exemplo para o país, cunha manifestación unitaria de todas as organizacións sindicais e co apoio do cadro de persoal de Navantia.

EU repartirá dípticos na porta de navantia na mañá do mércores, chamando aos traballadores e traballadoras do estaleiro a acudir á unha manifestación que se prevé histórica.

Esquerda Unida de Ferrol continuará a campaña informativa contra a contrarreforma educativa do PP, iniciada dende hai meses, co reparto de dípticos na rúa, de cara a unha participación masiva na folga xeral do ensino do día 24 de outubro. EU sempre pula pola unidade sindical e non pode máis que felicitar ás organizacións sindicais por acadar un acordo na nosa cidade para unha manifestación unitaria xunto co cadro de persoal de Navantia. Só así, con unidade de loita, seremos quen de derrotar a vaga de recortes e austericidio que estamos a vivir. Dende as rúas, venceremos.

Os coordinadores da área de educación e cultura, Xose María Dobarro e Miguel Castro Serantes, cualifican a transformación que sufre a comunidade do ensino coas reformas do Partido Popular como o maior desastre educativo da historia da democracia, partindo a sociedade en dous, as elites fillas do poder, derivados cara a ser os directores da oligarquía disfrazada de democracia, e o resto dos mortais, condenados a unha educación pública esnaquizada,  sen recursos e mercantilista. O mesmo ocorre no sistema universitario, onde camiñamos cara o modelo americano de educación a cambio de endebedamento, o que propiciará a imposibilidade de acceso dos fillos da inmensa maioría da poboación atacada para soster o sistema bancario especulativo.

Ademais da contrarreforma do Ministro Wert, a degradación da escola pública en Galicia ven ratificada e incluso superada polo equivalente galego da wertgoña, o Conselleiro de Educación Jesús Vázquez, o artífice do repago nos comedores escolares, o incremento do gasto en libros de texto, o descenso de profesorado de apoio, o menosprezo da lingua e un cúmulo de decisións que veñen a favorecer a escola sostida por intereses privados, nomeadamente os da Igrexa Católica.

En Ferrol sufrimos especialmente os recortes en educación, así o grupo municipal de Esquerda Unida xa presentou unha moción denunciando a falta de profesorado de apoio para colectivos en risco de exclusión nas escolas de San Xoan, Recimil e Masdías, e poñendo de manifesto o incremento do gasto familiar inversamente proporcional á calidade do ensino público.

EU segue sendo fiel ao seu irrenunciable compromiso coa escola pública e continuará a traballar, nas institucións e na sociedade, na defensa dun modelo de educación inclusivo, igualitario, laico, de calidade, gratuíto e democrático. Perante o maior ataque ao ensino público, demandamos a maior concentración de forzas. Por isto valoramos positivamente a convocatoria unitaria de folga, e a unidade na mobilización do 24. Pedímoslle á sociedade unha participación masiva en todos os actos programados pola defensa do futuro do noso país, que é a educación das nosas fillas e fillos.

Relacionados