Apoio á folga estudantil

Unha reforma feita de costas á comunidade educativa que ten como principais obxectivos a segregación do alumnado por nivel socioeconómico, a pauperización do sistema educativo, a redefinición da educación como xeradora de man de obra precaria e a imposición de trabas a uns elitizados estudos superiores.

A Executiva Nacional de Esquerda Unida considera que a LOMCE non se trata dun simple recorte orzamentario á educación pública, senón que estipula unha completa “dexeneración” do sistema educativo, trazando unha ampla reforma nos eidos académico, organizativo-administrativo e estrutural. No eido académico atopámonos cunha división de itinerarios moi ceda, forzando ao alumnado a unha escolla prematura; unha supresión de numerosas materias e ramas (artes plásticas e escénico-musicais) e cun gravísimo ataque á nosa lingua e á súa normalización, xa que regula unha degradación da categoría académica do galego fronte ao castelán e á primeira lingua estranxeira, pasando de troncal a “de especialidade”, e contempla o dereito do alumnado a negarse a estudar a nosa lingua, en cuxo caso a Administración estaría obrigada a garantir esta opción, sufragando incluso a escolarización en centros privados.

En canto ao organizativo-administrativo empréndese un total desmantelamento da democracia interna nos centros educativos; dándolle todo o poder ao director que poderá

rexeitar profesores con praza e contratar a profesores sen ela. Ademais, devolverá competencias educativas á Administración central, que reducirá a carga lectiva a uns contidos mínimos.

Pero é no estrutural onde se acometen as máis drásticas modificacións baixo o lema do “espírito emprendedor” e da competitividade económica: promovendo a competitividade dos centros, a súa especialización por “tipoloxía do alumnado” e a súa clasificación en función de criterios programáticos e socioeconómicos, financiando os centros con mellores resultados e marxinando aqueles cunha maior necesidade de investimento e mellora. A isto súmaselle unha completa degradación da FP, a cal non garantiría a obtención de ningún tipo de graduado escolar, e a imposición de reválidas que dificultarían o acceso aos estudos superiores.

Esquerda Unida considera que todo isto non é máis que a materialización do proxecto neoliberal na nosa educación, a total submisión desta aos ditados do capital, que se traducen nunha segregación radical e nunha redución do ensino á formación de man de obra precaria e alienada. Jorge Crego, reponsable nacional da área de mocidade de Esquerda Unida, manifesta que “contra estes ataques á educación pública, á cultura e ao futuro de todos os galegos a única resposta posible é a loita estudantil, a oposición unida, firme e combativa a estas medidas que non máis que agravar a fonda crise que hoxe atravesa todo o sistema capitalista”.

É por iso que dende Esquerda Unida apoiamos firmemente a folga e as mobilizacións convocadas por todas as organizacións estudantís galegas para o vindeiro mércores 6 de febreiro para deter os ataques que se cometen contra a nosa educación, contra o ensino público de todas e todos.

 

Relacionados