Apoio á plantilla de PRIVILEGE

Yolanda Díaz, reuniuse esta tarde co Comité de Empresa para coñecer a situación que están a atravesar os traballadores e traballadoras.

Yolanda Díaz destacou que se trata dun exemplo máis da ineficacia da Xunta en materia laboral e a elocuente demostración do fracaso das actuais políticas económicas neoliberais do goberno galego.

Santiago de Compostela, 23 xaneiro de 2013.- A vicevoceira do Grupo Parlamentario, Yolanda Díaz, denunciou a complicidade da Xunta de Galicia cos propietarios da empresa Privilege Advance Surface que deixaron afundir a empresa constituída no seu día con achegas públicas e instou a que apoie aos traballadores e traballadoras na súa idea de constituír unha sociedade anónima laboral para manter a empresa e con ela os postos de traballo.

A vicevoceira que reuniuse esta tarde co comité de empresa, amosou o apoio de Alternativa aos traballadores e traballadoras na súa loita. Os traballadores informaron durante o encontro o compromiso do anterior conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, que asegurara 2,5 millóns de euros aos traballadores para que puideran poñer en marcha a súa iniciativa e salvar a empresa.

Yolanda Díaz destacou que a secuencia de destrución de emprego e de aumento do paro no noso país configura unha situación dramática, toda vez que o goberno da Xunta de Galicia teima en aplicar políticas económicas que destrúen emprego e deprimen a demanda agregada ao punto de atoparnos perante un verdadeiro plan quinquenal de destrución de emprego e depresión económica por parte dos gobernos de Feijóo. “As 350.000 persoas que a día de hoxe se atopan no paro en Galicia son a elocuente demostración do fracaso das actuais políticas económicas neoliberais da Xunta” declarou a vicevoceira o que, para Alternativa Galega de Esquerda, xustifica a a urxencia e importancia non só de remudar de xeito radical as devanditas políticas, canto de propiciar por parte da administración pública galega a asunción dun papel protagonista por parte das traballadoras e traballadores de proxectos industriais que permitan darlle viabilidade a empresas en crise, xerar postos de traballo e apostar polo pulo ao tecido industrial.

A deputada parlamentaria referiuse de xeito específico a Ferrol xa que se sitúa un dos epicentros da destrución de emprego e de falla de diversificación industrial do noso país, o que debe obrigar a unha reflexión e rectificación por parte da Xunta de Galicia e á adopción de medidas de estímulo ao fomento da actividade industrial.

Un dos exemplos que amosan a ineficacia da Xunta nesta materia o constitúe a súa deixación de responsabilidade na deriva da empresa Privilege Advance Surface, empresa adicada á fabricación de taboleiros de pedra para a construcción; empresa constituída no seu día con achegas públicas e que os propietarios italianos deixaron esmorecer, tal vez coa intención de levar o proceso produtivo a Italia. Unha empresa que destacou Yolanda Díaz “constituída ao abeiro dos chamados plans de reindustrialización acordados como paliativos da brutal desindustrailziación dos estaleiros públicos da ría de Ferrol, e que os seus propietarios conduciron á creba coa cómplice inacción dunha Xunta de Galicia que aínda ostenta o 40 por cento do seu capital”.

A plantilla de traballadoras e traballadores acordou constituír unha sociedade anónima laboral e semella de xustiza que a Xunta deixe de amolar con complicidades cos herdeiros dos accionistas que a afundiron e apoie de xeito franco á plantilla na súa loita por manter a empresa, os postos de traballo e un anaco de porvir social para unha comarca particularmente deprimida. “A Xunta de Galicia pódeo facer toda vez que ostenta esa participación do 40 por cento o que precisa ter a vontade de facelo en beneficio do emprego e da comarca” afirmou a deputada de Alternativa Galega de Esquerda.

Alternativa Galega de Esquerda presentou unha interpelación no Parlamento na que se insta a Xunta a que explique se vai apoiar a iniciativa dos traballadores e traballadoras de Privilege, ademáis de que expliquen qué outras iniciativas públicas agarda desenvolver este ano para pular pola reindustrialización e diversificación do tecido industrial na nosa comunidade e nomeadamente na comarca de Ferrolterra.

 

Relacionados