incineradora xinzo feb 2011 copiar.gif - 22.36 Kb

Apoio á Plataforma Contra a Incineración de Residuos

A pesar do pouco tempo co que contou para organizar a movilización, a participación veciñal foi notable, e os grupos e asociacións que acudiron ao chamamento foron abondos. Afortunadamente, a cidadanía é cada vez máis consciente dos enormes perigos que esconden estas instalacións, e non están dispostos a arriscar a súa saúde e o futuro da súa comarca a cambio de catro traballos insanos e mal pagados.

 

Nesta ocasión, ao mesmo tempo que lles manifestamos aos organizadores o noso apoio, quixemos facer fincapé na nosa mensaxe de que a solución ao grave problema dos residuos non consiste en darlle prioridade á simple eliminación, e moito menos en inmensas instalacións de difícil control. Ademais, quixemos deixar constancia de que a incineración é a última das opcións que se deben considerar no tratamento dos residuos. É certo que aínda se utiliza nalgúns países, pero recúrrese a ela despois dun intenso proceso de recuperación e reciclaxe, dende logo moito máis ambicioso que o recollido no Plan de Residuos da Xunta. Nada que ver, por suposto, coas ridiculas porcentaxes de recuperación que pode amosar Sogama a día de hoxe.

Tamén quixemos deixar claro que a xestión de residuos debe ser pública e orientada exclusivamente aos beneficios sociais e ambientais, considerando que nunca debería rexer o criterio da rendibilidade económica nuns temas tan esenciais como a protección da saúde dos habitantes e a protección medioambiental.

Aínda que a errática política en materia de residuos do actual goberno galego non permita coñecer con certeza se Xinzo será o lugar elixido para ubicar a incineradora, Esquerda Unida amosa a súa total disposición a participar activamente en calquera movilización que se organice dentro da provincia de Ourense coa fin de evitar a instalación deste tipo de incineradoras ou doutras macroplantas de tratamento equivalentes.

Relacionados