Apoio ao Goberno con Nostián

 

Esquerda Unida saúda a intención do Concello de revisar o contrato de Albada ao consideralo nulo de pleno dereito. Semella inconcibíbel que o Pleno do Concello, co voto a favor do PSOE, asinase un contrato tremendamente lesivo para os intereses da Coruña pois incrementou nun 70% o custe por tonelada de refugallo xestionada.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes anima ao Goberno municipal a actuar coa mesma contundencia no caso de outras empresas concesionarias que se están a lucrar a conta dos coruñeses. Non cabe dúbida que a empresa Albada estase a lucrar a conta do Concello da Coruña, pero non debemos esquecer que Nostian foi uns dos cabalos de batalla utilizados polo PP par acadar o Goberno en María Pita. Hai outras moitas concesionarias que tamén estanse aproveitando do Concello incumprindo as condicións da concesión cunhas actuacións cando menos irregulares como Cespa, Doal, Sermasa o Grupo Vendex por poñer un exemplo, empresas concesionarias, cuxos contratos e incumprimentos están a ser investigados por EU-V. Terá o Goberno municipal os mesmos arrestos para actuar contra elas?

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “comparto a opinión do alcalde. O contrato asinado polo anterior goberno non só é unha chapuza senón que constitúe unha tomadura de pelo a veciñanza coruñesa, alguén debería explicar os motivos que levaron a aprobar semellantes condicións a tan só mes e medio da celebración das eleccións municipais, tendo en conta ademais que tiñan reparos da intervención”.

 

César Santiso afirmou que “xa está ben de que baleiren os nosos petos para encher os de empresas privadas debido a amiguismos e mala xestión, os coruñeses e coruñesas queremos que paguen os culpábeis de tanta ignominia”.

 

Finalmente Santiso ofreceu todo o apoio de EU-V ao Goberno municipal para “loitar contra as empresas parasitos que están a alimentarse da tesourería do Concello”, unha situación de por si inaceptábel, pero máis se cabe nestes momentos de fonda crise e falta de financiamento das entidades locais, cando ademais faise mais necesario o investimento en reactivar a economía local e en mellorar os servizos sociais.

Relacionados