Apoio ao pequeno comercio

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que o goberno local está a favorecer a competencia desleal entre os comerciantes, pois 25 comercios amigos recibiran apoio municipal mentres o resto queda sen nada, no que supón un agravio comparativo para o pequeno comercio. Esta actuación supón un investimento duns 4.000 € por establecemento, onde os técnicos da empresa durante 12 semanas farán un estudo, cun equipo dun mínimo de 8 persoas.

Para EU o apoio ao pequeno comercio de barrio unha máxima na súa concepción da cidade, polo que calquera iniciativa para o seu respaldo sempre será benvida, mais esiximos igualdade de oportunidade para todos os comerciantes coruñeses, polo que os proxectos de apoio deberían definirse para que puidesen chegar ao máximo número de comercios e os criterios de selección deberían ser obxectivos  e estar definidos participativamente, e as avaliacións deberían ser transparentes.

Esquerda Unida aposta por un apoio global ao pequeno comercio a través do servizo integral de apoio municipal a emprendedores (SIAME), como queira que actuacións tan profundas, debido ao seu custe, so poden ter carácter elitista propoñemos un servizo de asesoramento municipal ao pequeno comercio polo que os comerciantes interesados pagarían un módico prezo público destinado soamente a cubrir o custe do servizo pero sen pagar beneficios empresariais. Este modo, sen dúbida, non so é máis xusto, senón que permitiría unha actuación global, porque non se trata de resolver o problema de 25 amigos, senón da totalidade do pequeno comercio coruñés.

SIAME é unha proposta de EU con moito máis valor engadido que os tradicionais viveiros empresariais, converténdose nunha ferramenta efectiva para autónomos, cooperativas,  e PEME para que poidan centrar o seu esforzo na súa actividade produtiva. Así, mediante unha taxa que cubra custos de xestión o Concello xestionaría mediante recursos propios e convenios con empresas locais a prestación de servizos administrativos, de asesoramento contable, laboral ou tributario, das TIC (informáticos e comunicacións), de loxística, así como as propias oficinas administrativas si fose necesario.

O voceiro de EU-V, César Santiso, preguntoulle a Negreira si os criterios de selección dos comercios para participar no programa son os mesmos que utilizou o seu número dous e tenente de alcalde, Julio Flores, para enchufar a persoas en Vendex.

Relacionados