Esquerda Unida esixe ao goberno municipal que exerza como tal e actúe urxentemente para evitar a folga xeral do sector limpeza. O PP debe abandonar a súa apatía diante dunha situación que provoca malestar entre a veciñanza, precisamente debido a súa inacción o conflito vai adquirir enormes dimensións logo da fronte común creada entre os Comités de Empresa de Albada, Cespa, Sogama e Arenosa formados polas centrais sindicais CCOO, STL, UGT e CIG. Unha loable unidade de acción que amosa sentimento de clase e que é o camiño para converter esta loita en vitoria das familias traballadoras.
Apesares de ser un servizo público responsabilidade do Concello e que o goberno municipal ten múltiples ferramentas para resolvelo, o PP limitouse a sacar comunicados pedindo un acordo imposible entre traballadores e empresa, xa que Albada, pertencente a Urbaser que obtivo millóns de beneficios, pretende incrementar a conta de resultados a consta de baixar salarios, incrementar horarios e despedir traballadores e traballadoras porque a súa intención non é reciclar os refugallos, senón transferilos a outras plantas para a súa incineración o soterramento, incumprindo.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o goberno municipal esta a fomentar un escenario de folga total, facendo sufrir aos coruñeses e coruñesas as consecuencias da súa conivencia coa empresa, o Sr. Negreira nin está, nin se lle espera no conflito do tratamento de refugallos”. Resulta un enorme fracaso que o PP seña incapaz de mediar nun conflito que prexudica á veciñanza e dana gravemente a imaxe da nosa cidade no momento do ano que temos máis turistas e hai mais miradas postas, máis cando o executivo local invista millonadas en fomentar a imaxe da cidade.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes anuncia o seu total apoio aos traballadores e esixe que o Concello desconte á veciñanza os días de folga no recibo do lixo e que non lle pague o canón a Albada, porque a concesionaria está a incumprir o contrato reciclando menos dun 5% do lixo e os coruñeses e coruñesas non temos que pagar por un servizo que non se está desenvolvendo. Con esta medida EU acredita que a concesionaria cesaría no seu empeño de extorsionara aos traballadores o que permitiría chegar a un acordo e rematar cun conflito que nestes momentos beneficia a empresa que non ten que pagar o salario dos traballadores que están en folga pero que recibe todos os cartos do Concello apesares de non cumprir coa obriga da concesión.







