Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2013.- Na última xuntanza da mesa sectorial de sanidade, ocorrida en Santiago o pasado 28 de xaneiro, a conselleira do ramo, Rocío Mosquera, negouse a concretar a contía dos recortes salariais que aplicará en 2013 ás traballadoras e traballadores do sector. Os sindicatos representados no órgano, porén, estiman que estes chegarán ao 8% e protestan porque Mosquera se limitase a remitilos ao debate parlamentario. Neste escenario de belixerancia contra os servizos sanitarios de todas e todos os galegos, as centrais sindicais decidiron iniciar mobilización contra o que, xustificadamente, consideran un ataque da Xunta ao dereito á sanidade pública. Alternativa Galega de Esquerda (AGE) apoia todos os actos de protesta, que comezan mañá con peches nos hospitais da Coruña, Lugo e Verín.
“A consellería debe dar marcha atrás no desmantelamento da sanidade pública”, afirma a deputada Eva Solla, “e a Administración debe cesar nos recortes indiscriminados que emprega para cumprir co teito de déficit e sufragar a débeda. Porque, ademais, a clase traballadora non é a causante da crise e si quen está sufrindo as consecuencias das políticas neoliberais”. Os peches das traballadoras e traballadores sanitarios continúan o sete de febreiro nos hospitais de Ferrol, Monforte de Lemos, Pontevedra e Cee; o 14 de febreiro, nos de Compostela, Burela, O Barco e O Salnés; e o día 18 do mesmo mes nos de Vigo, O Barbanza e Ourense.