Esquerda unida apoia a decisión tomada en asemblea polos traballadores e traballadoras da planta de Nostián de ir a folga na procura da sinatura dun convenio xusto. E anuncia que solicitará unha xuntanza co Comité de Empresa para expresarlle a súa solidariedade, coñecer o conflicto de primeira man e estudar accións conxuntas que axuden aos traballadores na súa loita.
O cadro de persoal reivindica melloras en acción social e prevención de riscos laborais aumentando a seguridade no traballo, asemade dun incremento salarial moderado. Mentres a empresa pretende prorrogar o convenio colectivo 2008-2010 durante dous anos o que na práctica suporía dous anos de conxelación salarial, sen tan sequera ter en conta a inflación.
César Santiso, coordinador comarcal de EU, indicou que “Albada pretende conxelar os salarios co falaz argumento da crise, máis a empresa incrementa anualmente o canón ao concello”.
A empresa indicou que “Por la situación de crisis, entendemos que lo fundamental es asegurar el futuro de los puestos de trabajo, garantizar los empleos”. Para César Santiso esta aptitude semella vergoñenta, a empresa pretende chantaxear aos 130 traballadores e traballadoras que forman o seu cadro de persoal, coa única intención de incrementar a súa conta de resultados, e dicir os seus beneficios.
Por outra banda, o alcalde indicou que correspóndelle a dirección da empresa e aos representantes dos traballadores resolver o conflicto laboral. Asemade afirmou que canto menos fagan os organismos públicos, mellor resolverase o conflicto. Para Santiso, as devanditas declaracións amosan con claridade a falta de carisma e liderado do alcalde, que prefire agachar a cabeza diante dos conflictos a pesares de que a empresa é concesionaria dun servizo público municipal.
O consello comarcal de EU rexeita a decisión do concello de inhibirse unha vez máis dos conflictos laborais do persoal que desenvolve servizos públicos do concello a través de empresas concesionarias.