Apoio ás compañeiras de VELA-LUZ

A Xunta leva anos recortando en políticas de igualdade, reducindo nos seus orzamentos as axudas económicas ás vítimas de violencia machista, recortando en atención psicolóxica, sen habilitar as casas de acollida necesarias, sen proporcionar un adecuado asesoramento xudicial, etc.

María Rozas responsable da secretaría de Igualdade de Esquerda Unida manifesta que “dende hai meses non se dispón de fondos para o chamado salario da liberdade, tan importante para contribuír á independencia económica das vítimas de violencia machista”. Esta axuda económica foi recortada nos orzamentos do 2013, a pesar de que en anos anteriores esgotarase todo o crédito polo alto número de solicitantes.

A executiva nacional de Esquerda Unida esixe a apertura do Centro de Recuperación Integral das Mulleres Vítimas da Violencia Machista que anunciada e publicitada durante anos, segue sen abrirse nin parece que haxa intención de facelo. Este centro tiña como finalidade ofrecer as mulleres e ás súas crianzas atención psicolóxica, social, xurídica e formativa de forma integral.

Dende Esquerda Unida sumámonos ás demandas destas mulleres en folga de fame, esixindo un sistema de protección real, que garanta a seguridade das mulleres e a das súas crianzas e que forneza dos mecanismos e recursos necesarios para o empoderamento das vítimas desta lacra social.

Relacionados