O Goberno municipal, durante o debate das ordenanzas fiscais asumiu o principio defendido por EU-V, de fomentar o uso das enerxías renovábeis para reducir a dependencia enerxética e favorecer o cambio do modelo produtivo local. Así quedou patente ao aceptar, como o resto de grupos da oposición, o noso voto particular que entre outros aspectos contemplaba unha bonificación de ata o 50% no Imposto de Actividades Económicas a aquelas empresas que autoxerasen enerxía con fontes renovábeis.
Meses despois o Goberno central decidiu paralizar o desenvolvemento das enerxías renovables coa súa decisión do Consello de Ministros do 27 de xaneiro de 2012 de aprobar un Real Decreto-Lei do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo de supresión dos incentivos económicos para novas instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da coxeración con fontes de enerxía renovables e residuos.
Xa que logo, Esquerda Unida denuncia que o PP defende no Concello o contrario que no Congreso dos deputados, onde poñen freo a un dos poucos sectores industriais onde España é líder, como é o da construción de placas de enerxía solar, xustamente unha das enerxías renovables máis castigadas coa moratoria aprobada. Esta medida é contraditoria coas políticas de enerxía impulsadas desde a UE que piden aos Estados membros o impulso ás enerxías renovables para poder cumprir os compromisos internacionais contra o cambio climático e que, en concreto, obrigan a España a alcanzar un obxectivo do 20% de enerxía consumida con orixe renovable para o 2020, tal e como establece a Directiva 2009/28/CE.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera incoherente a actitude do Goberno municipal que fomenta as enerxías renovábeis nas ordenanzas fiscais pero negase a debater a moción de EU-V para instar ao goberno central a seguir fomentando as renovábeis xa que a paralización do seu desenvolvemento incide negativamente no cambio do modelo produtivo e a reactivación económica, xerando desemprego, pois ameaza a un sector florecente da nosa economía produtiva que emprega a máis de 30.000 persoas.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “semella lamentábel observar a falta de rigor do goberno local que se somete aos intereses partidistas do PP en lugar de defender os da cidade. O Goberno municipal é consciente que a implantación das enerxías renovábeis mellorará a competitivade das nosas empresas ao non depender do constante incremento do prezo da enerxía, favorecendo ademais o cambio do modelo produtivo, esencial para reactivar a economía e xerar emprego, máis non ten o valor de instar a Rajoy a que modifique a súa postura”.
Por iso, César Santiso preguntouse “que podemos esperar os coruñeses e coruñesas dun Goberno local que, temeroso de enfrontarse ao Goberno central, renuncia a defender o que considera mellor para os seus veciños”.