Apoio ás traballador@s de T-Solar

A xudicatura chama a capítulo ás persoas que manteñen un peche nas instalacións da súa empresa en defensa dos seus postos de traballo e da apertura dun diálogo entre as partes para tentar achegar unha solución que permita a continuidade da actividade laboral. A xudicatura ordéalles pasar a declarar polo xulgado o vindeiro 4 de setembro en relación co seu peche. É dicir, dalgún xeito, implicaos nalgo ilícito coma se de delincuentes se tratase.

É de todo punto intolerable involucrar a traballadoras e traballadores en algo ilegal polo feito de defender os seus postos de traballo, o seu pan e o futuro dos seus. Pode alguén no seu cabal xuizo pensar que a súa actitude é producto dun ataque de masoquismo que os leva a pecharse por máis de 50 días en pleno verán nas instalacións onde tiñan que estar traballando? A súa postura non é máis que unha chamada de atención, que un método de loita na defensa do seu futuro e dos seus dereitos.

De xeito contrario, o que ten que facer a administración, e a de xustiza tamén, é buscar solucións e tender pontes de entendemento e, en última instancia, defender ao máis débil, ao que ten problemas e non criminalizar e xudicializar un problema laboral.

Esquerd Unida denuncia este feito inaceptable e chama á cidadanía a estar atenta e ser solidaria con esta xente de ben para botarlles unha man en todo canto precisen. Temos que secundar a súa causa participando en todas cantas accións emprendan. Temos que denunciar a súa criminalización e ser un máis deles na defensa do seu traballo, o seu futuro e a súa dignidade.

Por último, facemos un chamamento á unidade e solidariedade da clase traballadora contra a inxusta acción dun capital financiero e especulativo sen rostro pero con responsables activos e pasivos.


Relacionados