Apoio federal á Syriza galega

O devandito proceso que pode facer historia e cambiar o panorama político galego para crear un novo suxeito político e social que sexa quen de defender os intereses das familias traballadoras.

Izquierda Unida federal apoia o proceso de converxencia que está a desenvolver en Galicia Esquerda Unida, enmarcado dentro dos procesos que dende anos leva desenvolvendo a organización en todo o Estado na procura de acadar unha fronte hexemónica que remate co bipartidismo.

Así o anunciou en rolda de prensa esta mañá o coordinador xeral de IU, Cayo Lara, quen indicou que “Esquerda Unida de Galicia conta co apoio de toda a organización para lograr un entendemento programático e electoral con Anova-Irmandade Nacionalista así como con outras forzas políticas galegas”.

O máximo órgano de dirección federal de EU manifestou todo o seu apoio a Díaz e a Esquerda Unida no seu proxecto de confluír nunha Syriza galega para desafiar a hexemonía do PP en Galicia.

Pola súa banda a coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz, mostrouse optimista coa posibilidade de acadar unha coalición e lectoral e salientou a necesidade de “construír unha fronte política plural de defensa das maiorías sociais”. Yolanda Díaz explicou no marco da reunión da executiva federal de EU celebrada hoxe en Madrid as claves para que a súa organización alcance a un acordo con Anova, sobre o que Díaz se mostra optimista. Para a coordinadora de EU, a situación de urxencia social que se vive en Galicia e o Estado está reclamando a confluencia de todas as esquerdas e dos movementos sociais para construír unha fronte política plural de defensa das maiorías sociais. Para Díaz, tal proceso debe ter unha expresión electoral nas eleccións do 21 de Outubro que sirva para facer visibles ás vítimas da crise fronte ao goberno dos mercados e os bancos que representan o PP e Nuñez Feijóo.

 

Relacionados