Consideramos que tanto a empresa concesionaria coma o equipo de goberno do PP teñen que cambiar de actitude e escoitar as coherentes demandas do comité de empresa de URBASER, para acadar un acordo que satisfaga as xustas reclamacións das traballadoras e traballadores.
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela comparte as peticións que se lle están a facer á empresa, xa sexan as relacionadas cos salarios como as de carácter social como, por exemplo, as relativas as xubilacións
Agardamos que este acordo se poda dar e así desconvocar a folga. En calquera caso, o que se evidencia é que unha empresa privada que procure o lucro nos seus balances nunca poderá prestar da forma debida un servizo público.
Esquerda Unida Compostela defende e loita para que sexan as Administracións Públicas as que presten, con calidade e eficiencia, servizos de titularidade e xestión pública para satisfacer as demandas sociais que a cidadanía precisa para o seu benestar.
A xestión pública beneficia á maioría social, hoxe abafada con recortes laborais e sociais nesta crise-estafa, e garante a redistribución da riqueza nos servizos necesarios para ter unha sociedade xusta e igualitaria promovendo, ademais, condicións laborais xustas, tanto en dereitos como en remuneración para os empregados públicos que levan a cabo o traballo nestes servizos.
As privatizacións, mal chamadas externalizacións polo PP e PSOE, son, como demostran nesta cidade as operacións xudiciais “Pokemon” ou “Manga”, o caldo de cultivo perfecto para a corrupción.