Apoio manifa do sector ferroviario

O consello político comarcal de Esquerda Unida na Coruña considera que o R.D. 20/2012 que contempla a liberalización do transporte ferroviario supón a súa privatización. Os plans do goberno contemplan trocear RENFE e as outras empresas públicas que prestan o servizo de transporte de pasaxeiros e mercancías por ferrocarril, para vender a baixo prezo os cachiños a empresarios ben conectados con as cúpulas do PP e do PSOE.

Pero isto non é unha novidade. É a mesma técnica que aplicou o goberno de Magaret Thacher en Gran Bretaña fai dúas décadas coa disculpa de convertir en rentable un servicio público económicamente deficitario. Vinte anos despois os británicos sofren as consecuencias dun sistema ferroviario anticuado no que os accidentes se suceden a cotío e que recibe en subvencións máis cartos que antes. E, por suposto, os aforros de non manter en condicións as infraestructuras e o material rodante se os embolsan empresarios cercanos ás cúpulas dos dous grandes partidos hexemónicos.

Esquerda Unida apoia a folga e as mobilizacións convocadas polos sindicatos ferroviarios para o luns, 17 de setembro. Así a manifestación coruñesa partirá as 17:30 h. de San Diego até a chegar a estación de San Cristovo. EU chama á cidadanía coruñesa a mobilizarse masivamente na defensa dun servizo imprescindíbel e necesario como o sistema ferroviario.

Esquerda unida opina que é necesario artellar o territorio e iso pasa por manter unha liña de comunicacións que non estea supeditada ao beneficio económico privado, as necesidades de mobilidade da poboación deben estar garantidas, coa liberalización do transporte ferroviario esto non é seguro.

O coordinador comarcal de EU, César Santiso, indicou “estannos a roubar descaradamente a todos os cidadáns, o pp pretende entregar a prezo de saldo a empresas privadas amigas uns servizos nos que se investiron inxentes cantidades de cartos públicos”.

César Santiso salientou que “o ferrocarril ten que manter a súa condición de público e social e ao servizo da cidadanía, defendemos a potenciación do transporte público colectivo, onde o tren ocupa un lugar relevante, como método de vertebración nacional, cohesión social en mellora do noso nivel de sustentabilidade”.

Relacionados