Esquerda Unida é unha máis das numerosas entidades, asociacións e organizacións que conforman a Plataforma que vén de se constituír hai pouco na nosa comarca para defender os valores da sanidade pública, crecentemente ameazada polas políticas privatizadoras.
Esquerda Unida afirma o valor dos dereitos económicos e sociais recollidos na Constitución e o Estatuto sendo a sanidade pública un dos piares dunha sociedade cohesionada no social.
Nada se regala e os dereitos como o da sanidade son o froito das loitas e traballos do movemento obreiro e dos sectores populares que conqueriron este dereito. Agora o capital tenta facerse cunha parte cada vez maior dos recursos públicos adicados a ela, pola vía dos concertos e do cofinanciamento. Esquerda Unida oponse de maneira radical ás políticas privatizadoras que reducen un dereito de todas e todos a un negocio duns poucos.
Xa que logo, pedimos da cidadanía unha participación multitudinaria na defensa dun ben público como poucos e que agora a Xunta do PP pretende privatizar namentras reduce orzamentos ( 43 millóns de euros neste orzamento ) ou deixa sen crear as 450 prazas orzadas para a atención primaria de 2009. Todo para desviar cartos aos negocios sanitarios privados.
Esquerda Unida demanda o incremento nun punto porcentual do PIB dos orzamentos sanitarios para acadar as medias europeas. Reclamamos a derrogación da lei 15/97 de habilitación de novas formas de xestión, cabalo de Troia do capital privado na sanidade pública. Esiximos a posta en funcionamento dos plans de saúde mental e da muller, paralisados pola Xunta do PP. Sostemos o valor central da Atención Primaria como eixo do sistema sanitario público. Formulamos o imperativo de pular pola participación social nas actuacións e decisións sanitarias. Facemos nosa a demanda para que se garanta a prestación , segundo se recolle na lexislación vixente, da interrupción voluntaria do embarazo no complexo hospitalario de Ferrol, sen derivacións a outros complexos sanitarios.