A nosa organización considera o decreto contra o galego, que pretende aprobar o goberno do PP, un ataque político sen precedentes contra a nosa lingua e a nosa cultura. O devandito decreto traerá consecuencias negativas para a nosa lingua, o alumnado e a propia sociedade.
Esquerda Unida denuncia que o decreto, ademais de ser inxusto, incumpre toda normativa de rango superior ao contravir a proteción do galego. Este decreto traerá como consecuencia a paulatina desaparición do galego, pois cando se pretende equipar dúas linguas en situación de desigualdade, sucede que a máis débil desaparece, como así o recolle o Informe do Consello da Cultura Galega, que advirte de que “en ningún caso se deben tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego” e que a nosa lingua “precisa dun apoio especial para superar a súa posición actual de desvantaxe”.
Nembargantes, o PP pretende impor a sociedade galega, rachando o consenso histórico, un decreto elaborado de costas a sociedade e a comunidade educativa, como mostra o feito de que o Goberno da Xunta de Galicia aprobou o borrador das bases do decreto, con premeditación e nocturnidade, en plenas festas do Nadal para evitar a contestación da comunidade educativa.
Esquerda Unida participará na manifestación do vindeiro 21 de xaneiro e chama a mobilización da cidadanía, especialmente a comunidade educativa, para demostrarlle ao PP que está a actuar de costas a sociedade galega.
A nosa organización reclama abrir un amplo diálogo social para conquerir unha plena e eficaz aplicación da lei e do plan de normalización lingüística no que ninguén se sinta excluído, polo que en aras da concordia e o entendemento solicita ao PP a retirada das bases do decreto, falazmente alcumado do plurilingüismo.