As demandas da representación sindical son máis que razoables e a negativa patronal só expresa o seu desinterese polas xustas demandas da plantilla: unha suba salarial que permita manter e garantir o poder adquisitivo, a cláusula de garantías e as melloras na clasificación profesional e a xornada flexible pendentes de hai anos.
Yolanda Díaz, representante de EU no Consello de Administración de Emafesa, quere lembrar a postura nidia da nosa organización na defensa a prol das traballadoras e traballadores da plantilla de Emafesa. A Voceira de Esquerda Unida vén defendendo nos Consellos de Administración as demandas da representación sindical, moderadas e xustas.
Xunto con isto, Yolanda Díaz manifesta a nosa máis rotunda oposición a encarecer o recibo da auga ou empregar cartos públicos para saldar o balanzo presentado pola empresa que arroxa perdas.
Para Esquerda Unida hai que chegar a un acordo satisfactorio coa plantilla mediante a sinatura dun novo convenio colectivo e doutra parte hai que preparar a remunicipalización da empresa, para mellorar o servizo e xerar mecanismo de participación cidadá na toma das decisións nun servizo público de interese xeral.