O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes saúda a iniciativa cooperativista dos traballadores de Darty e anuncia o seu absoluto apoio a súa iniciativa emprendedora, EU considera que aínda que a empresa descarte a posibilidade, a solución é totalmente viable si os poderes públicos apoian a proposta do Comité de Empresa de asumir a xestión das tendas da praza de Pontevedra e do centro comercial Os Rosais.
Esquerda Unida insta a Concello e Xunta a apoiar a proposta dos traballadores de asumir o control das tendas como cooperativa. O goberno municipal non pode quedar de mans cruzadas diante dun novo peche que suporá maís despedimentos, agora ten un posibilidade real e factible para loitar contra o desemprego, esperamos que nesta ocasión reaccione e actúe con eficiencia e prontitude.
O voceiro de EU-V, César Santiso, demandou un pato institucional entre todas as forzas políticas da corporación coruñesa para acadar unha solución que permita evitar que os traballadores pasen a engrosar as listas do paro, porque nestes tráxicos momentos temos que traballar todos xuntos para dar solucións á cidadanía abandonando todo tipo de intereses partidistas.
César Santiso, anunciou que na seguinte semana solicitará unha xuntanza co Comité de Empresa para estudar na maneira en que o grupo municipal de Esquerda Unida pode serlles de utilidade e salientou que “non chega con que o alcalde se solidarice cos traballadores, o goberno municipal debe implicarse de maneira activa, sobre todo cando o propio cadro de persoal está a poñer solucións factibles enriba da mesa”.