Apostando pola inclusión social

 

Para levar isto a cabo, dende Esquerda Unida traballaremos, nos concellos nos que esteamos representados, para que as súas estruturas orgánicas conten con concellarías de Inclusión Social e cunha Oficina de Dereitos Sociais que exercería o control da acción de goberno. Respecto a isto, unha das medidas será a posta en marcha dun Programa Integral de Atención ás Persoas Empobrecidas. Lembremos que, infelizmente, case 700.000 persoas que viven nos nosos concellos coñecen procesos de exclusión e empobrecemento.

Neste sentido, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, asegura que “dende as forzas da esquerda seguiremos loitando día a día por uns servizos públicos, universais, de calidade, integrais e solidarios; que poñan freo a situación de desamparo e desprotección que viven moitas persoas debido á política pública nefasta levada a cabo polo PP”.

Unha das medidas que se propón dende Esquerda Unida é crear os Abonos de Transporte Social para todas as persoas en situación de pobreza económica e exclusión social. Esquerda Unida pulará dende os concellos para que as persoas migrantes, sexa cal sexa a súa situación administrativa, teñan dereito ao acceso aos servizos sociais públicos.

 

Unha democracia non se pode construír sobre o corpo dos dereitos esnaquizados. Por iso, crearemos nos concellos galegos un Servizo Municipal de Atención Integral a Persoas sen Fogar. Ademais, crearemos Plans Locais para a Inclusión Social das persoas con diversidade funcional que atendan a todos os eidos básicos para que ningunha persoa experimente que o seu concello a exclúa da vida en sociedade.

Relacionados