A voceira de Sanidade de En Marea, Eva Solla, vén de lograr a unanimidade no Parlamento de Galicia á iniciativa presentada en Comisión na que En Marea reclama á Xunta que aproveite a construción do novo centro de saúde da Estrada para contemplar no mesmo lugar a base do 061, que actualmente se atopa separada do centro de saúde, retrasando as asistencias sanitarias entre 12 e 15 minutos.
“En Sanidade sabemos que os minutos salvan vidas”, lembrou a deputada e voceira de Sanidade de En Marea, Eva Solla, a quen lle parece incomprensible que a Consellería de Sanidade non contemplase trasladar a base da ambulancia do 061 ao novo centro de saúde en construción, para evitar os desprazamentos do vehículo para recoller os facultativos.
En Marea xa formulou esta cuestión por escrito á Consellería, logo de reclamar a construción da base no Parlamento con anterioridade. “A resposta da Consellería é que non está prevista esta dotación, porque non, sen ningún tipo de explicación nin motivación”, denunciou Solla.
“Son os propios técnicos do 061 os que reiteradamente teñen solicitado este traslado pedíndolle á Xunta que recapacite, pois trátase dunha obra menor e hai terreos suficientes para ubicala ao carón da nova infraestrutur””, lembrou a deputada de En Marea, que insistiu en que se trata de “mellorar a asistencia sanitaria aos usuarios e usuarias nunha situación de emerxencia”.
Ver o vídeo dende: