A nosa organización está a denunciar os continuados incidentes medioambientais que se producen neste areal, denunciados en reiteradas ocasións polo noso Grupo Municipal e que xeran unha situación de risco para a saúde pública e unha imparable degradación ambiental.
Aínda na Xunta da Autoridade Portuaria de 13 de maio pasado, Javier Galán, representante do concello na Autoridade Portuaria, fíxose eco e denunciou a situación xerada polas descargas de clinker feitas sen a preceptiva tolva, coas conseguintes formacións de nubes deste material contaminante. A resposta a esta demanda foi que se ían facer as xestións pertinentes para garantir o emprego da tolva, circuíto pechado Mais, diante desta nova situación semella evidente que seguen as descargas sen o emprego das medidas de seguridade necesarias.
O Grupo Municipal de EU insta ao Goberno Municipal a que esixa a empresa responsable dos verquidos de clinker que execute de maneira urxente un plan de limpeza extraordinario, que remate con esta nova agresión ambiental e á saúde pública.
Mais non chegan estas accións, Esquerda Unida demanda un pronunciamento nidio e firme do Goberno Municipal esixindo a Autoridade Portuaria que vele pola saúde pública e a seguridade ambiental no ámbito das súas competencias, asemade de manter unha vixiancia continuada neste areal para garantir a non repetición destas agresións ambientais.