O deputado David Fernández Calviño esixe solucións inmediatas para rematar cunha acumulación de lixiviados relacionada coa corrupción que ameaza o medio ambiente.
Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2013.- Hai meses que Augas de Galicia, dependente da Xunta, abriu un expediente sancionador por un depósito de áridos ilegalmente almacenado en zona de dominio público hidráulico no polígono de Vilar de Coló, ao pé do río Baa entre os concellos de Cabanas e Fene. O organismo público esixiu ás empresas responsábeis que realizasen un suco perimetral e mais cubrisen os refugallos. Malia que o prazo para a execución desas tarefas xa transcorreu, a situación continúa igual. Alternativa Galega de Esquerda (AGE) defendeu esta mañá en comisión parlamentaria, a través do seu deputado David Fernández Calviño, a urxencia de retirar canto antes estas moreas de lixos asfálticos e, entrementres, “realizar medidas para protexer o río Baa da contaminación por lixiviación”.
Fernández Calviño lembrou que as empresas responsábeis destes depósitos –a ferrolá Mammer en acordo con Holding Transmediterráneo de Construcción- teñen vínculos coa familia de Luis Bárcenas. A proposición non de lei de AGE (no documento anexo) reclama que o Parlamento inste ao Goberno galego a acometer “as accións oportunas para que, de xeito inmediato, comecen as obras necesarias para garantir a protección do río Baa e do seu entorno”. O PP non a aceptou e votou en contra.