O Goberno Municipal ten que se mover diante da administración e explicarlle a utilidade da cesión para procurar que facenda nos entregue de xeito gratuíto un inmoble sen uso algún.
Para a cidade semella unha oportunidade dupla: achegar un espazo que aínda non temos na cidade para acoller a documentación da nosa historia, e facelo poñendo en valor un inmoble sen uso, e todo elo cun pequeno investimento para acomodalo ás necesidades dun arquivo. Este é unha das medidas que pode dar idea mensurable do xenuíno interese pola cidade e a súa historia que poida ter un Goberno Municipal.
Os fondos documentais que ten o noso arquivo merecen dotarse dun espazo propio que amplíe as actuais posibilidades de servizos que se prestan na propia casa do concello. A divulgación da nosa historia, a posibilidade de achegar actividades vencelladas coa riqueza dos fondos conservados, a ampliación do propio espazo físico do arquivo son algunhas das razóns esgrimidas polo Grupo Municipal para conquerir este novo emprazamento para o arquivo municipal. Avanzar na dixitalización do arquivo entendemos que debe ser outra pata directora de xeito que se poña ao dispor de investigadores e do público interesado en xeral tesouros que van dende documentos medievais ( 2 pergaminos ) ate as actas plenarias, pasando polos padróns, expedientes das eleccións, das quintas do século dezanove, do rexistro civil ou dos propios orzamentos municipais…conformando unha información e patrimonio insustituíble para profundar no coñecemento da nosa cidade.
Pedímoslle ao Goberno, xa que logo, que asuma esta tarefa de conquerir pois un novo espazo acrecido para o Arquivo Municipal, na certidume que dotaremos a cidade dun ben que contribúe a gañar consciencia da nosa historia e do noso futuro como cidade.