As mulleres decidimos

O grupo municipal de Esquerda Unida- Os Verdes considera que o PP pon en risco a saúde e incluso a vida das mulleres coa modificación da actual lei de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo, coa súa pretensión de eliminar a posibilidade de interromper o embarazo cando exista malformación fetal e fiscalizar respecto ao suposto de risco para a saúde da nai, mostrando un claro desprezo e desconfianza cara ás mulleres e unha volta a tempos pasados, así o PP so deixa dúas opcións as mulleres españolas: abortar fóra de España se teñen recursos para iso, ou ben abortar en España en condicións de clandestinidade co conseguinte risco para a súa saúde e a súa vida.

Esquerda Unida esixe que non se atente contra os dereitos fundamentais das mulleres. Esta contrarreforma de Ruiz-Gallardón, de acordo coa Conferencia Episcopal, pretende eliminar o dereito a decidir das mulleres sobre a súa maternidade, é dicir, sobre se queren ou non ser nais. Un dereito fundamental e, como tal, non pode ser obxecto de intercambio cos estamentos relixiosos e sociais máis reaccionarios. Así o Goberno que encabeza Mariano Rajoy, está preparando unha das leis de aborto máis restritivas do mundo occidental, convertendo a España no primeiro país que cando lexisla sobre o aborto, retrocede. Isto supón un retroceso ata máis aló da primeira Lei do ano 1985. As mulleres non necesitan leis proteccionistas que as releguen á posición de seres inmaduros e indefensos.

O dereito das mulleres a decidir é parte fundamental da loita histórica do Movemento Feminista. A traxectoria desta loita no noso país foi longa. En 1985, produciuse unha despenalización parcial e tiveron que pasar 25 anos, tivemos que esperar ata 2010, para acadar unha reforma da lei de interrupción voluntaria do embarazo algo máis avanzada, aínda que con moitas limitacións.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “non podemos permitir que o PP sitúe á muller, novamente no rol de nai, esposa e coidadora. Defendemos o dereito á interrupción voluntaria do embarazo, á libre decisión das mulleres: sen interferencias, sen condicionantes, sen tutelas, nin penalizacións. As mulleres son suxeitos plenos de dereitos e, xa que logo, teñen capacidade para tomar as súas propias decisións de forma autónoma e independente”.

Relacionados