As pensións máis baixas do estado

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2013.- Alberto Núñez Feijóo volveu facer esta mañá o seu exercicio parlamentario favorito: o escapismo e a oposición á oposición. A preguntas da viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, sobre o feito de que as pensións galegas sexan as máis baixas do Estado español, o presidente da Xunta respondeu cunha restra retorta de números e sen ningunha explicación nin compromiso concreto. “O sistema público de pensións é un dos instrumentos fundamentais para a protección das persoas, unha peza chave do Estado do benestar froito das loitas obreiras”, expuxo Díaz, “pero vostedes son vasalos dos bancos e ameázano”.

A pensión media en Galicia, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), é de 715 euros ao mes, un 16% menos que no total do Estado. É dicir, 2.000 euros menos ao ano. Entres os máis de 700.000 pensionistas galegos, os case 280.000 que pertencen ao réxime de autónomos atópanse por baixo do limiar da pobreza –que o IGE fixa en 597 euros mensuais- ao cobrar de media 527 euros. As mulleres -397.235 pensionistas en Galicia- cobran 556 euros ao mes, afastadas da media estatal. E as viúvas, 383. Con todos estes datos, Yolanda Díaz intentou, sen éxito ningún, que Feijóo explicase se estas cifras lle parecían dignas ou se compartía “os ataques continuados do Goberno central ao sistema público de pensións”.

Non só a foto fixa das pensións galegas resulta estarrecedora. Cada medida adoptada pola dereita escava un pouco máis no pozo en que se atopan os pensionistas galegos. “Co decretazo de marzo, o PP modificou o acceso ao subsidio dos maiores de 55 anos, unha vía fundamental para as persoas expulsadas do mercado de traballo”, explicou Díaz, “e que en moitos casos xa non poderán acceder a unha pensión contributiva malia ter cotizados moitos anos”. “Deixe de facer escapismo e teña un pouco de ética”, pregoulle, finalmente, a viceportavoz de Alternativa.

Relacionados