Os contratos temporais, de poucas horas e precarios, fan que atopar un traballo digno sexa moi difícil para as traballadoras e os traballadores deste país, que sofren salarios de miseria. É por iso que pese a que o PP siga a vender os datos de emprego como un éxito, a bonanza económica non chega e a precariedade se impón. Esta semana vimos de coñecer que se ben o emprego volve a niveis de hai oito anos, o fai cun 50% máis de contratos que daquela.
Se temos máis contratos, e o mesmo nivel de emprego, quere dicir que os contratos están troceados, son de menos horas e precarios; polo que fan que atopar un traballo digno sexa cada vez máis complicado e que as traballadoras e traballadores deste país conten con salarios de miseria.
Dende Esquerda Unida recalcamos unha vez máis que é vergoñento que o PP venda as cifras ofrecidas polo Ministerio de Emprego como un éxito, xa que o emprego creado é por mor da estacionalidade e moi precario. Ademáis, un 90% dos contratos firmados durante o estes meses de verán son temporais, o que incide na desvalorización dos salarios e na consolidación da precariedade.
No noso país moitas persoas, especialmente mozas e mozos, deixan de estar paradas porque desisten de buscar emprego, non porque pasen a traballar, polo que optan por volver estudar ou emigrar, entre outras cousas. É por iso que dende Esquerda Unida seguimos a demandar melloras económicas que inclúan a derrogación das dúas últimas reformas laborais (revertendo as súas consecuencias), o apoio aos modelos cooperativos e de economía social ou a igualdade salarial entre homes e mulleres (acabando coa fenda salarial), entre outras.