Asemblea Comarcal

 

Esquerda Unida – Os Verdes desenvolve mañá unha asemblea comarcal para elixir os candidatos e candidatas ás eleccións autonómicas que lle corresponde a comarca coruñesa, así como avanzar no desenvolvemento e concreción das políticas da converxencia social, nun intre decisivo para a resolución política do país. A duración da crise, a súa intensidade e a agresividade dunhas políticas neoliberais que non fan máis que agravar o curso social e económico da crise delinean a conformación dunha crecente fronte social alternativa nucleada sobre un programa de transformación social, de defensa dos servizos públicos e de profundización no autogoberno nacional.

 

Aspiramos a achegar un contributo, tan humilde como decisivo, na construción dunha alternativa de esquerdas que sexa quen de sacar ao país da anomia ao que o conduce o goberno Feijoo e as súas políticas, diante dunha feble oposición no Hórreo que se amosa incapaz de derrotar ao PP, ao tempo que estéril para desenvolver políticas encamiñadas a transformar a realidade social, económica e medioambiental do noso país.

 

Asemade, a asemblea comarcal de Esquerda Unida valorará o traballo institucional desenvolvido polos distintos grupos municipais da comarca coruñesa ao tempo que elixirá á delegación que participará na convención provincial onde se elixirá a candidatura da provincia para o parlamento galego, fito que se desenvolvera o vindeiro sábado 16 de xuño e que pretende ser un paso máis cara a converxencia social e a construción de espazos de encontro e acordo entre as persoas que propugnan unha política alternativa. Unha convención aberta a toda a cidadanía de esquerdas para debater e atopar puntos en común que permitan erguer unha alternativa útil para o pobo de esquerdas do noso país.

 

Dende a Refundación ate agora, pasando polas mesas de converxencia, EU ten a certidume de que son moitas máis as cousas que nos unen que as que nos separan e polo tanto urxe producir colectivamente unha intelixencia común entre todas as mulleres e homes da esquerda nacional de este país.

 

O coordinador comarcal de EU, César Santiso, indicou que “a diferenza doutros, nos desenvolvemos a política de abaixo a arriba, as nosas bases deciden democraticamente os candidatos e candidatas que nos representarán nas institucións”.

Relacionados